· Museos ·
A “Casa do Pazo” é a sede central do Museo, unha aula viva onde se presenta a “casa” como unha unidade básica da sociedade rural, que non só responde á necesidade de refuxio da familia senón tamén ás necesidades sociais e ás derivadas dunha economía de autosuficiencia.
A “Casa” compleméntase co “Parque Etnográfico do Sesín”, un eco-museo exterior onde se mostra como o home aproveita dun xeito racional os recursos que o MEDIO (regatos, montes, fragas…) lle ofrece máis aló dos eidos.
Un percorrido polas dependencias da “Casa do Pazo” (a cociña, o cuarto, a sala, os alpendres, a eira…), o “Parque Etnográfico do Sesín” (os muíños, o souto, o monte, a foia…) e a “Escola de Guitriz” permítenlle ao visitante achegarse ás formas de vida e traballo das xentes da zona; xeitos que están a piques de esquecerse por completo pola evolución dos tempos.
· Museo etnográfico da Capela ·
· Museo de historia natural de Ferrol ·
O Museo xestouse xuntando pequenas coleccións, froito dos moitos anos de traballo de varias xeracións de naturalistas, que se amosaban entre os socios e visitantes habituais do que era o local social da SGHN en Ferrol. A partires do ano 1991 ábrese ó publico a primeira exposición sobre a cartografía galega e dende ese momento comezáronse a expoñer, de maneira habitual, os fondos que permanecían nos almacéns da SGHN. En poucos anos a exposición contaba xa con coleccións únicas, co obxectivo futuro da creación dun Museo de Historia Natural en Ferrol, seguindo na súa consecución coa totalidade dos principios de dignidade e respecto á natureza que rexen os estatutos da SGHN, poñendo especial énfase no criterio seguido para a formación da mostra expositiva: "Que ningún animal sexa capturado ilegalmente, nin sacrificado ou danado e ningunha especie esquilmada para a súa mostra, mantendo sempre unhas normas éticas no seu contacto coa natureza, encamiñadas a non alterar o medio".